ESTUDO SOBRE O VOO DOS CORZOS, de Mónica Caldeiro.
febrero 20 @ 7:30 pm - 8:30 pm
Evento Navegación

O venres día 20 de febreiro ás 19,30 acolleremos en Eixo a presentación de ESTUDO SOBRE O VOO DOS CORZOS, o último poemario de Mónica Caldeiro, unha poeta, artista escénica, escritora, investigadora e tradutora galega nada en Barcelona. A súa obra atópase en constante proceso de experimentación co texto poético e coa súa encarnación física. No ano 2011, foi poeta residente no programa de «Spoken Word» do Banff Centre. É autora, en castelán, dos libros «Vaginas, cartografías y asteroides», «La música de los planetas», «Avispero» e «Latitud Sur». En catalán, escribiu o poema-libro «Accident(ade)s de crema(r)». «Estudo sobre o voo dos corzos» (Xerais, 2025) é o seu primeiro libro en galego logo dun fondo proceso de recuperación da lingua materna.
«Estudo sobre o voo dos corzos» é unha disección da beleza vulnerábel, unha análise poética da violencia na cultura humana e na cultura da natureza. Esta ollada é aloumiño e dó pola fraxilidade desa beleza escorregadiza, inaccesíbel e inesquecíbel, para a considerar parte de nós, para protexermos esa parte de nós. Podemos entón fuxir dunha brutalidade que xa é de noso? Como aprehendérmonos dende unha linguaxe colonizada? Aquí xorden as preguntas, aquí comeza a estrada, aquí a procura cara á recuperación.
Lembrade, VENRES DÍA 20 DE FEBREIRO ÁS 19,30. En Eixo, claro. Mentres tanto aquí vos deixamos unha entrevista de Mónica no Zig Zag da TVG a redor do poemario. Está nos primeiros minutos, para ir facendo boca…
https://www.agalega.gal/videos/247911-clip-zigzag-diario-12-05-2025?fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEAc3J0YwZhcHBfaWQMMjU2MjgxMDQwNTU4AAGnqOe0sZyu1OH2F2TJrD8_PaG2r-EwLdajWDrO5p_Q8–Gj4EKzi9x2tgNDk8_aem_i_yyqbhszWqhMwBaAngn9g
